Premios 20Blogs

lunes, 23 de septiembre de 2013

os comuneiros tamén denuncian



Desde o momento no que o ser humano aterra nesta vida, a súa mellor forma de entender as cousas é caendo polo seu propio peso, e é así que aínda que os maiores advirtan dos perigos ás crianzas, estas só os entenderán unha vez que cometan o erro de probar, como cando nos din que o lume queima, ata que o tocamos e o comprobamos, non nos afastaremos del.
Así é que moitos comuneiros durante anos demos a plena confianza e votamos a favor tanto os presupostos como as contas que o noso presidente nos presentaba, a pesares das advertencias dalgunha xente, que nos dicía que o sr. Presidente nos estaba a enganar.
E no ano 2010, ao recibir o balance de contas, observamos que eran inintelixibles, opacas…(e tivemos que darlle a razón a aqueles que tanto nos avisaron). Cando se celebrou a correspondente asemblea e se lle pediron explicacións, o sr. Presidente pásaas por alto, amparándose no feito de estar apoiado pola maioría.
Isto provocou desconfianzas e a perda de votos; pero para manter a maioría deulles o título de comuneiros a persoas alleas a esta comunidade (prescindindo do voto da Asemblea Xeral, que é a que realmente ten dita competencia), mentres que a outros que son veciños da parroquia llelo negou dende o principio e os cales tiveron que recorrer á xustiza para ser recoñecidos como tales.
Outro exemplo de contas opacas está no ano 2011, cando sen estaren as contas aprobadas, o presidente foi á hucha do diñeiro dos comuneiros e sacou 39.423 euros. Feito que se repetiría no 2012, no que se sacaron uns 30.000 euros. E non sabemos os que irán do 2013, porque non se enviaron as copias dos presupostos e contas, todo está no cuarto de estudos.
Así é que algúns dos comuneiros nos pronunciamos e dicimos:
PRIMEIRO: defendemos que tódolos veciños desta parroquia que desexen formar parte desta comunidade e reúnan os requisitos establecidos, teñen ese dereito.
SEGUNDO: a Asemblea Xeral é a que ten competencia, e non unha soa persoa.
TERCEIRO: queremos unhas contas claras.
CUARTO: non queremos máis Gardas Civís nas asembleas, pois na xeral de setembro de 2012 e por discrepar das súas groseiras irregularidades, tivo a mala fortuna de asesorarse co delegado gobernamental do concello e achantou nela unha parella da Garda Civil (como se non houbese moito por onde andar e que vixiar). Tamén hai que dicir, que lle saíu o tiro pola culata, pois souberon actuar segundo as súas competencias e foron imparciais.
E para finalizar, dicirlle ao Sr. Presidente, que xa non estamos na Trabada de fai 20 anos e que o pobo espertou, e non só eses aos que EL chama indignados, desexamos un pobo unido. Así mesmo, dicirlle, que se coñece algo do que é a vergoña, faga comuneiros a todos os que teñen ese dereito e así o soliciten e ceda o posto a unha persoa competente, que xa vai ben de chupar da teta, que como siga vostede tirando dela, igual queda sen leite.

No hay comentarios:

Publicar un comentario