Premios 20Blogs

jueves, 24 de abril de 2014

Qué é a ORGANIZACIÓN GALEGA DE MONTES VECIÑAIS E MAN COMÚN que nos vai a visitar o vindeiro 3 de maio en Trabada?

O vindeiro 3 de maio, na casa da Cultura de Trabada estará XOSÉ ALFREDO PEREIRA, presidente da ORGANIZACIÓN GALEGA DE MONTES VECIÑAIS E MAN COMÚN, para moitos persoa descoñecida, ao igual que esta institución que leva dende o ano 1999 traballando pola defensa do monte galego.

Sabemos que os montes veciñais en man común son terreos de titularidade colectiva. A súa propiedade atribúese á comunidade veciñal, independentemente dos membros que a formen en cada intre. A veciñanza é a única condición para ser copartícipe dos dereitos sobre estas terras, que non poden ser transmitidas individualmente.
Os montes veciñais en man común conforman unha propiedade de carácter xermánico, con ausencia de cotas e, xa que logo, inalienable, indivisible, imprescriptible e inembargable.
Os montes veciñais en man común son espacios xeográficos que deben cumprir, para un uso sostible, as tres funcións tradicionais (social, ecolóxica e productiva) de xeito compatible e integrador.
Os montes veciñais en man común, unhas 2.900 comunidades de montes,  exténdese por 248 dos 316 Concellos de Galiza ocupando un 25% do territorio galego aproximadamente.
As Comunidades de Montes están constituidas polos veciños e veciñas comuneiros, os cales, reunidos en Asemblea Xeral, deciden democraticamente a xestión e administración dos seus montes. Soamente aos veciñ@s comuneir@s corresponde a decisión sobre os usos e aproveitamentos destas propiedades, sen interferencias alleas de ningún tipo.

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) é unha Asociación composta exclusivamente de comunidades de montes e ó servicio delas. Pretende ser a voz dos comuneiros e comuneiras galeg@s en todos os temas que atinxan ós montes veciñais en man común.

A ORGACCMM é, xa que logo, a unión das comunidades de montes para xuntar esforzos e experiencia na defensa do monte veciñal en todos os eidos e para traballar no desenvolvemento de todas as potencialidades dos montes.

A ORGACCMM é actualmente a única entidade de comunidades de montes de ámbito galego con recoñecemento legal ó abeiro da Lei de Montes Veciñais en Man Común.
Para integrarse na Organización, as comunidades de montes deben aprobalo na súa Asemblea Xeral. Tamén poden tomar o acordo na Xunta Rectora, co compromiso de levalo á seguinte Asemblea Xeral para a súa ratificación. ¿POR QUE A COMUNIDADE DE MONTES DE TRABADA NON SE INTEGRA NESTA ASOCIACIÓN?

Os Obxetivos da ORGACCMM son:
  •  A defensa do monte veciñal como propiedade xérmanica e como realidade singular de Galiza.
  • A esixencia a todos os organismos públicos e privados, e especialmente a Administración Galega, do cumprimento da lexislación vixente sobre o monte veciñal.
  • A toma de decisións en común diante dos problemas de todo tipo que afecten á propiedade veciñal.
  • O posicionamento común fronte as iniciativas políticas, lexislativas, sociais ou económicas que incidan hoxe ou o fagan no futuro sobre as terras veciñais.
  • Servir de voz unida das comunidades de montes ante os organismos públicos e privados en todos os asuntos que sexan de apricación ao monte veciñal.
  • Traballar para acadar a completa devolución dos montes veciñais en man común aos veciños, os seus lexitimos donos.
  • Favorecer a criación da Mancomunidades de Montes.

Os servicios que presta a ORGACCMM son:
  • Facilitar asesoramento legal, xurídico, administrativo e técnico ás comunidades de montes.
  • Favorecer o intertroco de experiencias que axuden á formación técnica das xuntas reitoras das comunidades de montes e á concienciación social dos veciños comuneiros.
  • Organizar xornadas monográficas sobre cuestións que atinxan ó monte veciñal: fiscalidade, xestión administrativa, usos e aproveitamentos do monte
  • Edición dunha revista informativa periódica: "O Común dos Veciños".
  • Manter unha páxina web, www.orgaccmm.org , que axuda á información, instrucción e comunicación entre e para as comunidades de montes.
  • Organización dos Congresos Galegos de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
Cremos que é convinte que asistamos veciños e veciñas de Trabada a esta xuntanza, porque a nova lei de montes fai que as nosas propiedades corran perigo e acaben na man da xestión de persoeiros, como o presidente que temos na nosa comunidade de montes; xa que se segue adiante esta lei, case que ningún particular vai poder levar a cabo a xestión que a Xunta de Galicia nos vai a esixir, imos ter que asociarnos e traballar en conxunto para cumprir con ela.  

INFORMÉMONOS PARA PODER LOITAR POLO QUE É NOSO!

jueves, 17 de abril de 2014

OS LIBROS OFICIAIS E OFICIOSOS

Esta é unha publicación que atopamos nuns folletos que levan o selo da Consellería do Medio Rural sobre os libros dunha comunidade de montes.



Unha vez lido o artigo, xorden diversas cuestións:
1. Está actualizado o censo de comuneir@s? Quen se encarga desta actualización? A nova secretaria nomeada a dedo e sen someterse a asemblea?
2. Quen asina o libro de actas das asembleas? Porque toma nota un técnico, non sabemos quen as redacta pero a sinatura suponse que é d@ secretari@ co visto e prace do presidente... Volvemos ao punto un, quen é @ secretari@? Ou están as actas sen asinar? Porque aínda que non se celebren as asembleas como tal, terá que quedar reflexado nalgún sitio e mediante acta o por que da non celebración.
3. A Xunta Reitora segue a tomar acordos a pesares de estar en funcións dende fai un par de anos? Levantan acta dos acordos? Teñen libro específico ou aparecen os seus acordos no outro libro de actas? Custódiaos a secretaria de A Lama?
4. Suponse que calquera comuneiro pode pedir certificación dos contidos destes libros, pero a realidade é que non se facilitan: cal é o motivo?
Algún de vostedes pode facilitarnos información sobre isto? Agradeceremos que alguén nos dea resposta a algunha destas cuestións

jueves, 10 de abril de 2014

¿O monte galego está tan mal ou é que a algúns lles interesa que non seipamos quen está a facer negocio?

A semana pasada lemos no xornal, en verbas do presidente da comunidade de montes que o grave problema do sector forestal galego está na alta presenza de minifundios:
Aínda así, prevén un ano bo en canto a ingresos, así que tampouco haberá tanta queixa. Quizáis debido tamén a que como di, en Trabada xa se concentrou o monte e non hai minifundios (e menos que vai haber se finalmente consegue a xestión como empresa privada dos terreos de monte de man común que é un dos obxectivos que nos propuxemos frear os indignad@s, a ver se nos deixan antes de levar as mans á cabeza cando non teña remedio).

De tódolos xeitos, como non nos gusta crer todo o que nos contan non medios, andamos a investigar a ver qué din outros expertos. E vemos que na “Voz de Galicia” do 14 de xaneiro fálase do minifundismo como un problema máis, pero ademáis hai outros moitos:

-        - A inversión do presuposto autonómico ía ser do 3% para este sector. Case non chega ao 1.5%.
-        - Gran parte desa inversión foi para apagar lumes, non para cambiar a estructura da propiedade e así acabar co minifundismo.
-       -  Un 33% da superficie do monte é improductivo e está abandoado (anda que non hai terreo aquí para invertir, está claro que hai que saír de Trabada…).
-       -  Dos 700.000 propietarios de monte galego, só 100.000 cortan madeira con regularidade (menos en Trabada, que a xente grazas ao monte, ten dous soldos, tamén en verbas do noso presidente).
-       -  As iniciativas impulsadas nos últimos anos para agrupar parcelas e facelas rentables non tenen resultados alentadores. Nin as Unidades de Xestión Forestal (Uxfor) do bipartito, nin as Sociedades de Fomento Forestas (Sofor) da Xunta de Feijóo (experimentado tamén en Trabada e que polo que sabemos non saíu moi ben, aínda que se alguén ten algo que compartir ao respecto, agradecémosllo). Este último modelo estaba pensado para atraer inversións privadas ao monte.

      Aínda así o sector forestal cunhas 3.000 empresas en Galicia move unha facturación superior aos 1.700 millóns de euros anuais, que non está mal. No 2012 as ventas de madeira efectuadas por 54.200 propietarios moveron 250 millóns de euros.

      Como non nos gusta quedar cunha soa opinión, lemos en “Economía Digital” do 16 de setembro do 2013 o seguinte:Galicia é unha potencia forestal e madereira. Produce o 50% da madeira en rollo do Estado, o 43% da madeira aserrada, o 35% da pasta de papel e o 33% do tableiro. Pero en canto a impacto económico, invírtense as cifras: Galicia representa soamente o 13% da facturación total do Estado, concentra o 13% do emprego e conta un 10% das empresas según un estudio da Fundación Pedro Barrié de la Maza e a consultora Boston Consulting Group. Se producimos tanto e isto non se traduce en ingresos, ou estamos vendendo a madeira moi barata, ou a pagan mal as empresas con excusas “baratas”, ¿non vos parece? Hai cousas que non cadran e que ninguén explica de forma aberta.

      Apúntanse 3 razóns de novo: o desaproveitamento, os minifundios e o texido industrial en recesión.

      E apúntanse tamén medidas para solucionalo: asociacións para a explotación, a certificación da madeira e I+D+I forestal. 

      O noso presidente apela á administración pública a tomar cartas no asunto, pero temos exemplos anteriores que vemos que non funcionan. E a nova lei o único que pretende é quitarlles a xestión aos propietarios privados para enriquecer aínda máis á industria da madeira facilitándolles o acceso á xestión dos terreos e da súa producción. Quizáis unha asociación de propietarios independente, non suxeita a empresas de explotación madeireira, que mire polo seu, que investigue, que mire o que pasa noutros países con este tipo de producción, tería mellores resultados. Xa hai asociacións deste tipo que funcionan, non fai falla seguir sempre ao rabo de supostos expertos que miren máis por eles que polo ben de todos os socios.

jueves, 3 de abril de 2014

Estamos ante un caso de corrupción?

Como dende fai algún tempo a esta parte, na nosa querida España, corren aires de corrupción, que nalgúns casos xa son furacáns, pois intereseime neste tema, xa que pertenzo á Sociedade Agraria de Transformación dos montes de Trabada, e ao mesmo tempo á Comunidade de Montes de Man Común. Ámbalas dúas están presididas pola mesma persoa dende a súa fundación (parece xa un cargo vitalicio) e que é  remiso a proporcionar información que se lle demanda.

O artigo 38 do regulamento da lei de montes veciñais di: "Libros da comunidade.
Cada comunidade levará un libro de rexistro cos nomes de tódolos veciños comuneiros, domicilio e data de inscrición; un libro de actas que reflicte os acordos tomadas nas sesións que se celebren, facendo consta-la suficiencia do quórum de asistencia esixido legal ou estatutariamente e as maiorías polas que se adopten os acordos; e libros de contas para asentar estas.
Calquera veciño comuneiro poderá solicitar certificación dos devanditos libros, que non lles poderá ser denegada."

Resulta ser que o señor presidente pasa este artigo polo forro e emprega o silencio administrativo, pero para todo hai remedio, que os retardos maliciosos tamén están penados.

Dicir tamén, que nestes días e coa axuda dalgunha persoa amiga, experta nestes temas, fixemos un pequeno axuste de contas, cos datos dos que dispoñemos, e pisoteamos o monte, mirando en tódolos recunchos do monte para coñecer a consabida e conceptuosa "explotación del mismo", á que fai tanta referencia sempre o señor presidente. E por poñer un exemplo da suposta boa explotación e dos bos coidados, na pista que cruza a aba de Teixido ("ladera" para os que descoñezan o galego normativo), había un piñeiro que arrancou o aire e tivemos que ir andando; aspecto bastante curioso cando no resto de pistas do monte se retiraron tódalas árbores arrancadas nos diversos temporais.
Creo que estamos polo bo camiño!