Premios 20Blogs

jueves, 30 de octubre de 2014

ENTREVISTAS A D. DANI

Este domingo pasado, día 26 de outubro saíu publicada unha entrevista a don Dani cun titular destacado “EL SECTOR FORESTAL EN SU CONJUNTO ES EL QUE MÁS PUESTOS DE TRABAJO ESTÁ CREANDO EN LA COMARCA”.
Ao pouco de comezar o artigo destacan estas verbas “Daniel Villapol, propietario del Grupo Villapol, es el hombre con más experiencia dentro del sector..”. Sorprenden estas verbas, porque en Trabada, de sempre se creu que a empresa era dos irmáns, pero xa vemos que non é así.
Unha das problemáticas que di que ten o monte actual é o minifundio, supoñemos que non se refire aos montes de Trabada, pois, todo hai que dicilo, gozamos dunha concentración que rematou con ese problema. Aínda que se segue adiante coa loita de devolución a propietarios dos montes de man común, volveremos atrás no tempo e estaremos de novo ante os minifundios na nosa localidade.
A seguinte problemática da que fala son as pistas, que segundo el non están de acorde co aproveitamento. E digo eu: en Trabada, e grazas á concentración suponse que deberían de estar ben, aínda que aquí o gran problema é de cando empresas como a del, cortan as árbores e esnaquizan esas pistas cos camións para sacaren a madeira  das fincas. E tampouco hai un mantemento por parte da administración, exemplo a pista asfaltada que vai do Vilar ao alto de Fórnea, que hoxe en día ten de todo, menos asfalto.
Segue a entrevista falando da importancia do sector forestal na Mariña e dos postos de traballo que xera, onde está o Grupo Villapol con dúas empresas e de que conta con 52 empregados directos e , moitos indirectos (non sabemos se dentro destes postos está Alejandro ou este era só empregado da comunidade de montes). Iso si, non fala do ERE da súa empresa, supresión de horas extras, adianto de vacacións, reorganización de postos de producción… (nova recollida na prensa: http://www.lavozdegalicia.es/dinero/2009/04/13/0003_7648504.htm)-
Cando se lle pregunta polas relacións con ENCE o único que fai é xeneralizar as relación entre provedores e clientes e non di nada sobre a verdadeira situación, que é que é considerado persoa non grata naquela fábrica. Se unha conversa non interesa, ímonos polas ramas!!!
E si, agora case nos caen as bágoas da emoción cando se lle pregunta “¿Qué sería de Trabada sin el Grupo Villapol? Bueno, si no fuéramos nosotros serían otros, quién sabe. Está claro que somos una empresa relevante para un concello de tan pequeñas dimensiones. Somos una familia muy vinculada a Trabada y es una parte importante a nivel productivo”. E voulle responder eu ao entrevistador, mire, en Trabada haille moita xente que fixo e fai tanto ou máis polo pobo que esta empresa, hai xente que levou e leva o nome de Trabada polo mundo adiante, que se preocupou e preocupa das súas xentes, que loitou e loita por unha Trabada mellor… Persoas honradas e humildes que traballaron e traballan polo seu concello. Porque igual se debería informar vostede das condicións coas que se atoparon algúns dos traballadores cando enfermaron, que crían estar ben e o que estaban eran ben fastidiados e non só por problemas de saúde.
Seguinte pregunta. “¿Nunca se plantearon ir a algún otro lugar mejor comunicado? Podíamos tener ventajas, sí, en un polígono, con mejores infraestructuras…Pero aquí tenemos la ventaja de vivir en nuestra tierra. Esta es una empresa muy vinculada al terruño, a la vida de Trabada. Hemos tenido la suerte de conseguir una carretera razonable para el transporte y a nivel servicio tenemos casi de todo en el pueblo”.
Toca momento de reflexionar sobre estas verbas, en que outro sitio lles ían deixar montar unha fábrica, coma quen di, enriba dun camposanto? Por que o polígono de Trabada non se leva a cabo e as poucas empresas interesadas en montar un negocio se foron aos concellos lindeiros? (Pouco a pouco xa non sabemos quen é peor, se entrevistador ou entrevistado).
Continúan as preguntas e chegamos á que fai referencia á súa xubilación, que di que por idade lle falta un ano e que irá diminuíndo a responsabilidade de representación e que as novas xeracións tomarán as rendas (esperemos que o que se rumorea destas novas xeracións non sexa certo).
Pasamos á pregunta “¿Qué le hace disfrutar? Teniendo salud me gusta cumplir objetivos, la satisfacción por el trabajo bien hecho, el ver crecer los bosques y su desarrollo integral, y la parte social”. Para chorar coa risa… sexa vostede sincero e diga, gústame ter o carto no meu peto, lucrarme sen importarme nada, ver como medran os eucaliptos para facer negocio, porque díganos vostede: ¿onde está a parte social do seu traballo? Acaso nos beneficiamos no pobo de Trabada da súa bondade e xenerosidade e temos privilexios sociais respecto doutros concellos?
E ben, cando pasan a preguntarlle sobre política xa non é para chorar da risa, senón que é para morrer con ela, porque di que é unha persoa “de índole social y no me gusta la política”. Pero quen é o verdadeiro alcalde de Trabada? Xa se sabe que el como figura decorativa non se presta, pero como gran mandatario si… Estar por detrás sempre é mellor, que no caso de haber consecuencias nin o seu nome nin a súa firma vai aparecer por algures…
E clara estaba a súa resposta ao referente do mellor político, cal ía dicir, senón a Nuñez Feijoo, que de amiguismos tamén vai o tema e se agora estivese no poder o Che Guevara, sería este o mellor! Que aquí se fai falta ir apoiar un mitin do BNG a Ferrol porque del vou a sacar tallada, vaise….  E di que de Zapatero sobraba todo, o defensor dos beneficios sociais, critica ao político que concedeu os maiores beneficios deste tipo para a cidadanía, outra cousa moi distinta é que fosen xestionados de forma correcta.
Se desconfiades de que os nosos textos sexan verídicos, aquí vos deixamos o enlace para gozar da entrevista a este señor, que algún día, esperemos, poidamos declarar persoa non grata no concello http://elprogreso.galiciae.com/nova/367950-daniel-villapol-sector-forestal-conjunto-puestos-trabajo-creando-comarca?lang=es



jueves, 23 de octubre de 2014

O que queira peixes terá que mollar o cú


É un refrán moi antigo, pero que segue sendo verdade. A nova lei de montes lévanos a que se queremos ter algo, non nos queda outra que loitar para mantelo. Neste caso nin tan sequera é para conseguir algo, é porque nos están a quitar o que é noso.

Por iso a Organización Galega de Montes de Man Común está a organizarse de cara a unha manifestación o vindeiro 22 de Novembro. O que din na súa páxina web é:

As débedas (supostas e falsas) que teñen as comunidades de montes consorciadas ou conveniadas, ademais de ter erros contables (sempre en contra das comunidades de montes), son inxustas xa que parten dun roubo. Arrincan de cando o réxime franquista lle usurpou os montes veciñais á veciñanza comuneira, para entregarllos a diversas administracións públicas .
Este, e outros moitos máis, son os motivos que enervaron á veciñanza comuneira e levaron á ORGCCMM a responder convocando a manifestación do día 22 de novembro solicitando á Consellaría de Medio Rural e do Mar a que nos orzamentos Xerais da Xunta de Galiza para o ano 2015 se dote dunha partida orzamentaria para a condonación das débedas dos montes conveniados e/ou consorciados.
Pola anulación das falsas débedas coa administración nos montes conveniados e/ou consorciados.

Para iso ademáis, está organizando charlas informativas en varios concellos. Xa estiveron en Ribadeo pero como de Trabada non asistiu moita xente, aquí tendes as vindeiras datas:

Venres 24 de outubro. 20 h. Auditorio do concello de Caldas (Ulla-Umia).

Sábado 25 de outubro. 19.30 h. Casa da comunidade de montes de cuñas, Pontecaldelas (Terra de Montes).

Venres 31 de outubro. 19.30 h. Salón de actos da Casa da Cultura do concello de O Carballiño (Carballino).


Sábado 9 de novembro. 11 h. Centro Arraianos, Amorece (Celanova).


E o que si é moi importante é que o 22 de novembro vaiamos todos os que poidamos a Santiago a loitar polo que é noso.

jueves, 16 de octubre de 2014

CONSORCIOS E CONVENIOS

No artigo anterior convidámosvos a asistir a unha manifestación que vai ter lugar o vindeiro 22 de novembro en Santiago de Compostela para conseguir a condonación das débedas das comunidades de montes.

Sabemos como se leva a xestión pública dos montes? Sabemos o que son os consorcios e convenios?

CONVENIOS: teñen a súa orixe na lei 5/1997 de 4 de xaneiro de Fomento da Produción Forestal, desenvolvida polo R.D. 1279/1978 de 2 de maio. Entre as súas características destacan:
1.       Obxectivo: fomentar a produción madeireira e repoboacións produtivas
2.       Son contratos administrativos entre propietario de solo e Administración
3.       A Xunta adiantará os gastos. O anticipo devengará o interese básico do BCE (1%) e o interese legal do diñeiro para algunhas especies (chopo e eucalipto)
4.       Os terreos quedarán baixo administración e tutela da administración
5.       Voo e solo propiedade do dono do monte. A Administración terá un dereito real sobre voo inscribible no rexistro da Propiedade
6.       Reparto durante vixencia do contrato dos beneficios: 70% propietario-30% Xunta
7.       O prazo do convenio é igual á quenda da especie principal (pode anularse si se abona a diferenza da conta de gastos do convenio)
8.       En calquera momento se poderá  cancelar o convenio pagando á Xunta o saldo pendente. Sobre a propiedade recaerá o IVE (dono do voo e solo) e as factuas irán ao seu nome (aínda que pague a Xunta)

CONSORCIOS:  a súa orixe recóllese na lei de 10 de marzo de 1941 sobre Patrimonio Forestal do Estado e o seu regulamento de 30 de maio de 1941. As súas características son:
1.       O propietario do solo cede parte dos seus dereitos ao Estado ca fin de que se repoble
2.       A masa forestal é propiedade do Estado recoñecendo este ao propietario o dereito a participar nunha porcentaxe dos beneficios (que quedarían fixados no contrato: 60% Estado-40% Propiedade ou 42,5 Estado-56,5% Propiedade)
3.       O estado corre con tódolos gastos, xestiona o monte e vende a madeira (non se precisa conta de gastos)
4.       Para rescindir o contrato o propietario do solo deberá mercar o voo ao Estado
5.       O consorcio será un contrato asinado por ambas partes en Escritura Pública e inscrito no Rexistre de Propiedade

Segundo a disposición adicional 2 da lei 13/1989, condona as débedas dos contratos, no momento da clasificación (ratificando na disposición transitoria novena punto cuarto da Lei 7/2012 de montes de Galicia).

¿E como está o noso monte? Consorciado ou conveniado? Pois está conveniado...
 Hai que dicir que a gran maioría das Comunidades de Montes están endebedadas e a de Trabada non podía ser menos.
¿Que pensan vostedes que é o mellor que se pode facer? ¿Que vai pasar coa nosa débeda? Opinen...



jueves, 9 de octubre de 2014

MOITO FALAMOS PERO POUCO ACTUAMOS

O pasado venres 3 de outubro ás 19.00 horas, no Teatro de Ribadeo tivo lugar unha xornada técnico-informativa co seguinte titular: “Os nosos montes comunais.  Novo marco lexislativo: Montes veciñais en man común (instrumentos de xestión, deslindamentos, fiscalidade, aproveitamentos…)”.
Nesta xornada os intervintes foron: Fernando Suárez Barcia (alcalde de Ribadeo), Xabier Bruña (enxeñeiro de montes), Noemí García (enxeñeira de montes), Patricio Viveiro (avogado) e Antón Oca (exdirector xeral de Medio Rural). E foi presentada e moderada por Xosé Alfredo Pereira (presidente OGMMVVMC).

Estes últimos días estase a criticar moito que a día de hoxe a nova xunta reitora da comunidade de montes de Trabada non está a traballar e que non se está a facer nada.  Ben, pois os membros desta xunta reitora estiveron reunidos á mesma hora no salón de actos da casa da cultura do municipio.  

Por unha banda, sería bo que esta xunta reitora puidese asistir a este tipo de xornadas, pois sempre se aprende algo, se coñece xente, se intercambian impresións, etc. Por outra banda sabemos que é complicado que sete persoas se reúnan cando parte delas non están a diario no pobo, e tamén sabemos que había cousas importantes a tratar e que non se podían retrasar máis no tempo. E dirán vostedes que cales eran eses temas tan importantes a tratar, pois entre outros, foron estes:

  1. A negociación do deslinde co monte das Louseiras, xa que o mércores 8 de outubro había unha xuntanza co municipio veciño sobre o tema.
  2. A conveniencia de pasar a unha xestoría as tarefas administrativas da comunidade
  3. O pago das débedas acumuladas (festas, comidas, facturas impagadas…)
  4. A presentación ante o órgano competente da nova lista de comuneiros (sen actualizar dende o 2008)
  5. A urxencia de elaborar un plan de xestión do monte
  6. A importancia de destinar beneficios da comunidade a servizos sociais, como a conservación do cementerio parroquial…
Así é que, por casualidades da vida, a xunta reitora non puido asistir, pero ¿por que @s comuneir@s non asistimos? Supostamente tod@s temos un grande interés en que a comunidade se xestione de boas formas, de traballar por e para ela, de que tod@s recibamos beneficios dos nosos montes…. Pero, ¿quen está disposto a dedicarlle dúas horas do seu tempo? Sobran os dedos das mans para contar á veciñanza de Trabada que se achegou ata alí, en cambio xente doutras comunidades da zona da Mariña si asistiron.

¿E de que se falou nesta ponencia?:

Pois do novo marco lexislativo, de que a Lei 7/2012, do 28 de xuño de montes de Galicia, introduce entre outros aspectos , un novo marco lexislativo regulador da xestión dos nosos montes e de tódolos recursos que os mesmos xeran.

Esta Lei afecta especialmente aos montes veciñais en man común, obrigando ás súas xuntas reitoras e comuneir@s a adaptarse a novos modelos organizativos en temas tan importantes como son a fiscalidade, os deslindamentos, novos instrumentos de xestión forestal en base á superficie, novidades sustanciais acerca dos montes de convenio ou consorcio, etc.

-Reinversión:
40% de reinversión dos ingresos
100% de reinvesión dos ingresos xerados por incendios, pragas ou temporais
A orde da reinversión: 1. Redacción do instrumento de xestión
                                               2. Traballos planificados no instrumento
                                               3. Deslindamento do MVCM
Prazo: o reinvestimento pódese facer ao longo do ano natural no que se obtivo o ingreso, ou nun período máximo de 4 anos contados a partir da finalización do dito ano. De non ser posible hai que presentar un plan de investimentos plurianual á administración forestal.

-Instrumentos de xestión:
TÓDOLOS montes deben dispoñer dun instrumento de xestión a partires do 23 de febreiro de 2019, dispoñendo ademais que os propietarios que non estea ordenados a partires do 23 de febreiro de 2014 non poderán acollerse a incentivos económicos.
Os MVMC deberán de ter:
-Plan simple de xestión se a superficie do monte é inferior ou igual 25 ha.
                -Proxecto de ordenación se a superficie do monte é superior a 25 ha.

-Deslindes:
As comunidades están obrigadas a levar a cabo o deslindamento dos seus montes, con outros montes veciñais e cos particulares.

-Contratos temporais de xestión:
                -Voluntarios
                -Afectarán a todo o montes
                -Xestionados pola Administración directamente ou a través dos seus entes instrumentais ou por terceiros
                -Convenios e consorcios: nun prazo de tres anos cancelará de oficio os convenios e consorcios que non presenten saldo debedor e os montes que non consigan os fins por causas relacionados co seu estado legal, administrativo ou económico. Ademais no prazo de 4 anos finalizará o resto de contratos que no caso de non terse aboado o saldo debedor poderán constituír un novo contrato de xestión temporal no que se impute como anticipo reintegrable o saldo pendente. Se non se regulariza a situación non poderán ter axudas.

-Aproveitamentos:
                -Forestais:  acordo da asemblea do aproveitamento de fincas particulares incluídas no croquis de clasificación
                -Pastos: poderase prohibir ou autorizar. Será precisa a inscrición no rexistro público de terreos forestais de pastoreo e o acordo expreso da asemblea
                -Micolóxicos: será precisa a autorización da asemblea e deberase acotar e sinalizar e someter a restrición de acceso.

En liñas xerais, estes foron os temas tratados nesta xornada, abríndose ao final unha quenda de rogos e preguntas, para o cal, sorprendentemente chegou D. Daniel Villapol (que seica tiña moita présa por rematar da reunión da xunta reitora), facendo uso da súa palabra, primeiro pedindo desculpas por chegar tarde, e segundo  para preguntar:

1. ¿Que vai a pasar cos consorcios e os convenios? ¿Vanse condonar esas débedas?
2. ¿Que pasa co tema das infraestruturas  e o destrozo das pistas cando se saca madeira dun monte?

Esta segunda pregunta enténdese máis de cara a un madeireiro que non á veciñanza comuneira, pero xa sabemos que este señor busca información por tódolos lados.

E oxalá tod@s tivésemos esa ansia de omnipotencia que ten D. Dani para tentar estar en todas partes, iso si, cunha gran diferenza, traballando dentro da legalidade e honestidade. Porque dicimos que non se fai nada, pero tampouco nos movemos...

A ver se para o 22 de novembro nos movemos e acudimos todos á manifestación convocada en Santiago de Compostela para a condonación da débeda das comunidades de montes: FAGÁMONOS OÍR.

jueves, 2 de octubre de 2014

UNHA COMUNIDADE DE MONTES TEN QUE UNIR Á XENTE, NON DIVIDILA

Así foi o titular co que comezou unha entrevista feita no Metropolitano a Manuel Fernández, o novo presidente da Comunidade de Montes de Trabada. Este é un xornal gratuíto ao que temos que recurrir xa que os medios de comunicación da zona da Mariña non nos atenden, os motivos saberanos eles e creo que non os van compartir connosco.
Aquí vola amosamos a tod@s aqueles/as que non a puidestes ler no seu momento:






Estimados blogueir@s, aquí lles quedan as verbas do novo presidente para que xulguen sobre a intencionalidade do novo presidente. 
O gran problema é que non se chegou a Roma nun día e hai moita labor que facer. Hai que loitar tendo aos ladróns na propia casa. Hai que resolver temas pendentes de deslindes, expropiacións, etc. Marróns que non se sabe moi ben se chegan por unha mala xestión ou por casuística. Tamén é verdade que hai que amosarlle á xente que se está a facer ese traballo, porque facendo uso do refraneiro, "ollos que non ven, corazón que non sente". E cando as persoas non vemos resultados "físicos", desconfiamos de que se estea a traballar. Así que haberá que xustificar as nosas boas vontades con feitos, pero todo ao seu debido tempo.
Moito ánimo a Manuel, como presidente, e aos que o apoiaron. Seguro que en breve, comezaremos a recolleitar os froitos do sementado.