Premios 20Blogs

miércoles, 27 de junio de 2018

TOCA TRABALLAR

Despois da última Asemblea, hai nova Xunta Reitora, con parte dos membros que xa había e con outros novos. Toca seguir a traballar, e si, como alguén comenta neste blog, non se presenta moi sinxelo o panorama.

Toca defender unha propiedade que é de todos, que pode chegar a funcionar pero que se non se puido ata o de agora foi por todo o que quedou sen facer antes e por riba de todo, pola falta de cartos. Non dubido que se vai traballar, e moito, porque sabemos xa o que se traballou, as horas que adicaron e as viaxes que fixeron. Pero como hai moitas pedras no camiño, toca coller forza e tirar para adiante.

Tamén parece que este blog está a molestar. Canto o sentimos. Por riba de todo queremos transparencia, que as cousas se saiban, saber con quen se trata e deixar de inventar e de falsear para que uns poucos teñan o que non é deles e tamén porque parece que repartir como é debido, está mal visto por aí.

Este blog sempre foi aberto, sempre dixemos que se alguén quería falar con nós e contala súa versión, non había problema. Ninguén o fixo. O que publicamos é información contrastada sempre e sobre todo, que se pode facer pública.

viernes, 22 de junio de 2018

AÍNDA NOS QUEDA QUE FACER

E como aínda nos queda moito que facer, e queremos seguir traballando aínda que iso supoña esforzo, viaxes, gastos e algún que outro disgusto, contamos con vós e co voso voto na Asemblea.

É moi importante votar e tamén é importante saber que seguimos loitando por uns montes de todos e para todos, por unha Comunidade aberta, responsable, rexenerada e con futuro. Haberá e hai pedras no camiño pero sempre se consegue máis se tiramos xuntos para diante todos, axudando, sumando e non restando.

Esperámosvos!

miércoles, 20 de junio de 2018

PLAN DE ORDENACIÓN CADUCADO

Moitos/as de vós non saberedes o que é un plan de ordenación nin para que serve. Pois imos explicalo de forma sinxela e que sexa entendible:
Os nosos montes precisan estar ordenados dalgunha forma, é dicir, elixir cales son as mellores plantas para cada terreo e que actuacións se teñen que facer nesas zonas. Un plan de ordenación, a groso modo, recolle iso, divide o terreo por zonas, as plantacións que se van facer nelas, as diferentes actuacións silvícolas e tamén nel se regulan as cortas.

O noso plan de ordenación ten o seu plan especial caducado desde o 2011, unha herencia que colleu a xunta reitora que entrou no 2014... Iso si, non sabemos cal foi o motivo polo que se deixou caducar, aínda que o intuímos.

É moi importante ter ordenados os montes xa que a partir de xuño do 2020 só se poderán facer talas en montes que conten cun instrumento de ordenación ou se adherisen a un modelo silvícola.

No caso da comunidade de montes de Trabada niso se anda a traballar, está solicitada unha subvención para ordenalos. Porque claro está que esto custa moitos cartiños que a día de hoxe, non temos. Así que, aínda nos queda que facer. Contamos co voso voto para seguir traballando por uns montes DE TODOS e PARA TODOS en Trabada.


lunes, 18 de junio de 2018

TOCOU FACER PAPEIS

Unha Xunta Reitora ten moitas obrigas. No caso de Trabada había moitas cousas por facer e tendo en conta como estaba a cambiar a lei de montes, tocou facer papeis.

Unha das primeiras cousas que había que tratar eran os Estatutos. Non estaban ben, ningunha Comunidade ten uns Estatutos que lle dan tanto poder a un Presidente, había que actualizalos para axustalos ao tempo no que estamos. Non só é que fosen obsoletos, tamén eran moi escasos e precarios.

Para facer os estatutos houbo que estudar diferentes casos ata dar con aqueles mellores, que repartisen o poder dentro dunha Xunta Reitora pero por riba de todo, que lle desen o poder a quen o ten que ter, o pobo a través das Asembleas.

Cando dicimos que era unha das primeiras cousas a facer é porque tamén estaba pendente e parado o plan de ordenación para o cal, tendo en conta os fondos da Comunidade, se precisa unha subvención que pon como requisito a presentación dos Estatutos.

Si, esta foi unha Xunta Reitora de papeis, pero os papeis a día de hoxe son todo e nada se move sin ter os temas "legalizados". Non sirve de nada poñer o carro diante dos bois, antes cando o tema estaba menos regulado, non había problema, pero agora todo ten que ir baixo a lei.

E non foi este o único caso...

jueves, 14 de junio de 2018

REFLEXIÓN EN VOZ ALTA

Vou facer unha pregunta aberta a ver se alguén me pode dicir. Se resulta que hai xente disposta a reclamar os terreos da comunidade porque se supón que tén documentación que di que son seus, e tendo en conta que non se repartiron no seu tempo, calquera herdeiro podería reclamalos hoxe. Quero dicir, hoxe, os que viven en Trabada teñen dereito a aproveitar o monte entre todos. Mañá poderá disfrutar dese monte calquera, así sexa que viva en Cuba, Arxentina ou Barcelona.

E digo eu, Lucía seguro que ten na súa casa hijuelas da casa da Aldea, do Roxo ou de Xulián. E ten moita familia polo mundo, pode chamalos e que reclamen tamén... Eu non sei como segue a loitar para que os montes sexan de todos, se poden ser dela e dos seus :-). E coma ela hai máis en Trabada que seguro que lles pasa o mesmo. Chegou o tempo de achegarse ás familias que están lonxe rapaces. Aínda que só sexa por levantar dores de cabeza por aí.

Manda carallo que pensemos que é mellor trabadenses polo mundo que trabadenses en Trabada.

miércoles, 13 de junio de 2018

É UNHA PENA TER QUE VOLTAR POR AQUÍ

Pensábamos que este blog estaba cerrado pero hoxe erguémonos con unha nova na prensa que nos fai ter que voltar por aquí. Por alusións, porque parece que en Trabada non se pode vivir en paz e porque algúns se empeñan en ter veciñanza de primeira e veciñanza de segunda.

Parece ser que hai uns 60 comuneiros que din que hai leiras dentro da comunidade que son súas. Hai que ver onde están eses títulos de propiedade, o primeiro. Se hai eses títulos, tendo en conta o tempo que pasou, haberá leiros pequenos que non creo que contribúan á xerar moitos ingresos nos petos dos demandantes e entón enténdese que se van constituir en Comunidade para ter unha explotación máis productiva, o caso, que como despois de entrar nunha demanda xudicial, se deu a razón a todos aqueles solicitantes que tiñan casa aberta en Trabada, resulta que queremos volver a ter veciñanza de primeira e de segunda.

Dentro dos demandantes entendemos que está Daniel Villapol, e digo entendemos porque a demanda a día de hoxe, non foi recibida pola Presidenta da Comunidade. Isto é un pouco curioso porque ata o día de hoxe, Daniel Villapol é vocal da Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Trabada e se non está de acordo coa xestión que se está a facer, ata certo punto, estase denunciando a si mesmo. Dos membros da Xunta Reitora, ¿só firma el a demanda ou hai máis membros?

Non imos entran en desprestixiar aos demandantes. Aquí estamos de novo para contestar a cantas preguntas teñades para nós. E por suposto, explicaremos que se fixo neste tempo e por que. Porque por suposto, colaborando todos e remando nunha mesma dirección, as cousas pódense facer, pero remar en contra ou non remar dificulta chegar aos obxectivos.

Andaremos por aquí. Graciñas por escoitar, seguimos dispostos a loitar por unha Trabada igual para todos e contamos con moitos de vós. Algúns, ¡sodes moi grandes!