Premios 20Blogs

jueves, 27 de marzo de 2014

A NOSA LOITA: dende os comezos ata o día de hoxe

Dunha gran maioría de xente é sabido que a comunidade de montes veciñais de man común de Trabada se constitúe no ano 2000, entrando a formar parte dela aqueles aos que o sr. presidente estimou oportuno invitar e avisar.
No ano 2003, D. Manuel Fernández Gómez solicita a entrada para formar parte de dita comunidade, pero non o fai de forma arbitraria, documéntase e ponse en contacto coa Sección Provincial do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común. Dende esta sección infórmano de cales son as condicións que se precisan naquela data para ser veciño comuneiro. Á vista de que reúne ditas condicións, fai a oportuna solicitude dirixida ao presidente da comunidade e na que aporta diferente documentación como que é titular dunha unidade económica, dunha explotación agraria, ten casa aberta, aporta o informe do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común; e a maiores "investiga" aos 73 comuneiros que había daquelas na lista e ve que ningún dos pertencentes a dita comunidade, reúnan ningunha condición a maiores das que el posúe. A esta solicitude, recibe resposta de D. Jesús Amor Ponlla, secretario da Xunta Reitora da Comunidade, na cal certifica que na asemblea ordinaria de 21/03/2004 se deu lectura de tal petición. O presidente fai constar que se tratou con todo detalle na reunión da Xunta Reitora previa e que na mesma se fai propuesta unánime de que D. Manuel non reúne a condición de comuneiro, polo que se propón á asemblea xeral a denegación de tal entrada, e como non, a Asemblea por UNANIMIDADE, denégalla.
No ano 2008, Dña. María Barata Bermúdez solicita a entrada para formar parte da comunidade tralo seu cambio de domicilio e o novo empadroamento no Vilar, unha vez transcurrido o prazo dun ano vivindo no mesmo. E que casualidade, de novo a Xunta Reitora reunida ve que non reúne as condicións de veciña comuneira e na asemblea xeral xa propón a desestimación da solicitude por non concurrir os requisitos esixidos, tamén por UNANIMIDADE.
En ningún dos casos anteriores hai unha relación de votos a favor, en contra, abstencións.... Que sorte ten esta comunidade que non hai ninguén que discrepe de nada, imos telos que mandar para o goberno.
No ano 2008, uns 50 veciños de Trabada reunidos e de común acordo deciden solicitar a entrada na comunidade de montes e aos cales se lles vai a denegar a entrada na Asemblea Xeral do 18 de abril de 2009. Unha asemblea previamente preparada, ata o punto de que o señor presidente tiña os asentos preparados de forma estratéxica para que "certas persoas non se relacionasen durante esta celebración e non opinasen individualmente", vamos, que non fosen ovellas escarriadas e opinasen como un todo.
A partir dese instante e ante tal negativa, decidimos dirixirnos aos tribunais, pois consideramos que todos e cada un de nós, veciños da parroquia, reunimos os requisitos imprescindibles para formar parte da comunidade de montes. Hai que dicir que destes 50 primeiros peticionarios, imos ao xulgado 43, no camiño houbo sete renuncias, se cadra, coaccionadas.
Na sentenza do 17/12/2009, o xuíz de Primeira Instancia e Instrucción Nº 1 de Mondoñedo, Santiago Lojo Corbal falla ESTIMAR comuneiros a 23 dos demandantes, quedando polo tanto 20 fóra. Tras esta sentenza ningunha das partes apela.
Estes que quedan fóra, volven a solicitar entrada e o 21/08/2011 nunha Asemblea Xeral, denégaselles de novo a entrada a estes 20 peticionarios, porque segundo o presidente e mailo seu avogado, non poden entrar xa que un xuíz llelo denegou e suponse que é "cosa juzgada".
Á vista desta negativa, decidimos volver aos tribunais pero con algunha baixa presuntamente coaccionada, indo 14 dos 20 ao xulgado, onde efectivamente, a xuíza lles dá a razón ao presidente e ao seu avogado dicindo que é "cosa juzgada". Esta sentenza apélase na Audiencia Provincial, pero alí din que NON É "COSA JUZGADA" e ordénaselle á xuíza que retome a demanda e dite sentenza. Aí é cando a xuíza Dna. Ana Mª Bande, titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción Nº 2 de Mondoñedo falla sentenza a favor de 5 dos 14 demandantes (entran p.ex. Adolfo e Carlota do Vilar, Celina... pero quedan fóra Chorra, Rosa de Río, Ángel do Pacheco...).
Esta sentenza apélase de novo na Audiencia Provincial e é onde a maxistrada ponente Ilma. Sra. Dna. María Zulema Gento Castro desestima dito recurso de apelación.
Agora mesmo e ante esta última sentenza, presentouse recurso de casación ante o TSX (Tribunal Superior de Xustiza) de Galicia, e así estamos á espera dunha nova sentenza.
Esperamos que toda esta información sexa do voso agrado e quede claro dunha vez por todas, que @s indignad@s o único que estamos a solicitar é a condición de veciñ@s comuneir@s, e case que simplemente, a de veciñ@s da parroquia de Trabada. E que non ocultamos ningún tipo de información nin de sentenza a favor ou en contra. A verdade sempre vai por diante.

jueves, 20 de marzo de 2014

OS ÓRGANOS DE GOBERNO DUNHA COMUNIDADE DE MONTES

Continuamos a mostrarvos artigos publicados e que falan de como debe de ser o funcionamento interno dunha comunidade de montes, desta volta fala dos órganos de goberno: a asemblea xeral e a xunta rectora



jueves, 13 de marzo de 2014

A CONDICIÓN DE VECIÑO COMUNEIRO

Para aqueles que non credes na nosa palabra, aquí vai escaneada unha publicación dunha revista na que se fala sobre a condición de veciños comuneiros:



jueves, 6 de marzo de 2014

¿Por que a comunidade de montes de Trabada non pertence a ORGACCMM?

A Organización de Montes de Man Común naceu xa fai máis de 10 anos co obxectivo de poder axudar a tódalas asociación de montes de man común a conseguir diferentes beneficios dun xeito organizado fronte á Xunta de Galicia. A maioría das asociacións galegas pertencen a mesma, tendo unha cota anual de 150 €, que tampouco é tanto.

¿Cales son os seus principios?

Os montes veciñais en man común son terreos de titularidade colectiva. A súa propiedade atribúese á comunidade veciñal, independentemente dos membros que a formen en cada intre. A veciñanza é a única condición para ser copartícipe dos dereitos sobre estas terras, que non poden ser transmitidas individualmente.
Os montes veciñais en man común conforman unha propiedade de carácter xermánico, con ausencia de cotas e, xa que logo, inalienabel, indivisibel, imprescriptibel e inembargabel.
Os montes veciñais en man común son espacios xeográficos que deben cumprir, para un uso sostibel, as tres funcións tradicionais (social, eclóxica e productiva) de xeito compatibel e integrador.
Os montes veciñais en man común, unhas 2.900 comunidades de montesexténdese por 248 dos 316 Concellos de Galiza ocupando un 25% do territorio galego aproximadamente.
---oooOOOooo---
As Comunidades de Montes están constituidas polos veciños e veciñas comuneiros, os cais, reunidos en Asemblea Xeral, deciden democraticamente a xestión e administración dos seus montes. Soamente ós veciños comuneiros corresponde a decisión sobre os usos e aproveitamentos destas propiedades, sen interferencias alleas de ningún tipo.
---oooOOOooo---
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) é unha Asociación composta exclusivamente de comunidades de montes o ó servicio delas. Pretende ser a voz dos comuneiros e comuneiras galegos en todos os temas que atinxan ós montes veciñais en man común.
A ORGACCMM é, xa que logo, a unión das comunidades de montes para xuntar esforzos e experiencia na defensa do monte veciñal en todos os eidos e para traballar no desenvolvemento de todas as potencialidades dos montes.
A ORGACCMM é actualmente a única entidade de comunidades de montes de ámbito galego con recoñecemento legal ó abeiro da Lei de Montes Veciñais en Man Común.
---oooOOOooo---
Para integrarse na Organización, as comunidades de montes deben aprobalo na súa Asemblea Xeral. Tamén poden tomar o acordo na Xunta Rectora, co compromiso de levalo á seguinte Asemblea Xeral para a súa ratificación. 
---oooOOOooo---
Os Obxetivos da ORGACCMM son:
  •  A defensa do monte veciñal como propiedade xérmanica e como realidade singular de Galiza.
  • A esixencia a todos os organismos públicos e privados, e especialmente a Administración Galega, do comprimento da lexislación vixente sobre o monte veciñal.
  • A toma de decisións en común diante dos problemas de todo tipo que afecten á propiedade veciñal.
  • O posicionamento común fronte as iniciativas políticas, lexislativas, sociais ou económicas que incidan hoxe ou o fagan no futuro sobre as terras veciñais.
  • Servir de voz unida das comunidades de montes ante os organismos públicos e priovados en todos os asuntos que sexan de apricación ó monte veciñal.
  • Traballar para acadar a completa devolución dos montes veciñais en man común ós veciños, os seus lexitimos donos.
  • Favorecer a criación da Mancomunidades de Montes.
---oooOOOooo---
Os servicios que presta a ORGACCMM son:
  • Facilitar asesoramento legal, xurídico, administrativo e técnico ás comunidades de montes.
  • Favorecer o intertroco de experiencias que axuden á formación técnica das xuntas rectoras das comunidades de montes e á concienciación social dos veciños comuneiros.
  • Organizar xornadas monográficas sobre cuestións que atinxan ó monte veciñal: fiscalidade, xestión administrativa, usos e aproveitamentos do monte
  • Edición dunha revista informativa periódica: "O Común dos Veciños".
  • Manter unha páxina web, www.orgaccmm.org , que axuda á información, instrucción e comunicación entre e para as comunidades de montes.
  • Organización dos Congresos Galegos de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.

    Pero en Trabada vivimos fóra desta asociación, que se está a mover para evitar a asignación á empresa privada da xestión dos montes de man común. Xa sabemos por que, está claro que a alguén lle interesa que esteamos fóra. Temos que dicir que grazas a ela, estamos a ter moita información, e fano de xeito desinteresado polo que vemos que polo mundo non só existe xente con afán de aproveitarse dos demáis, pero, trabadenses, ¿a cando imos esperar para entrar no século XXI e saír un pouco de Trabada para ver máis mundo? Se o pensamos moito, se cadra vai ser tarde...