Premios 20Blogs

martes, 7 de agosto de 2018

ESTA XUNTA REITORA

O outro día, despois da última e tensa asemblea, atopeime por casualidade falando do tema e houbo quen me preguntou, que fixera esta nova Xunta Reitora pola Comunidade; porque é verdade que con toda a débeda pendente, non se pode facer moito. E eu dixen que polo menos, esta Xunta non facía o que dicía aquel cura de "Kyrie eleison, Christe eleison, os cartiños para o meu caixón".

Aínda que nos pareza que isto non é importante dicilo, por casualidade atopei coas contas aprobadas nalgún momento pasado con este desglose de gastos:

- Xestión do presidente: 1.200 €/ano. Desde que houbo cambio de presidencia, non falo só de agora isto pasou a 0 €.
- Chamadas telefónicas: 90 €/ano a razón de 7,5 €/mes. Outra cousa que pasou a 0 €.
- Kilometraxe. Non me lembro da cantidade pero se máis ou menos está establecido que son 21 cts/Km. pois serían os que tocasen, e agora estamos a 0.
- Papelería e outros. Hai anos de 4.000 €. Se agora mesmo hai ofertas de 2.500 folios por 18 €, non quero pensar para cantos folios dan 4.000 €, que nos sobra de empapelar Trabada e ao mellor nos da para Ribadeo.

E suma e segue... que se esta Xunta Reitora non quixo revolver, pode facelo que atopa munición. As contas están aí e seguro que tedes as cartas pola casa, mirádeas con atención.

Pero por se me parecera pouco aínda, atopei coa conta dunha comida que me chama moito a atención e que a publico aquí para que vexades que non invento nadiña. Parece que eran 16 polas racións de pan e postres que se serviron, pero a min que me expliquen canto comía e bebía esa xente se resulta que tocaron a máis de 2 racións de polbo cada un, cos seus cachelos máis media ración de carne ao caldeiro e aínda lles quedou sitio para o postre. E de beber case tocaron a litro de viño por cabeza e aínda pediron auga. Mamaíña... supoño que a esa paparola foi á que levaron a Morán para transportalos, que tamén está a factura, porque conducir seguro que non podían, e xa me estraña que puidesen subir o bandullo ao autobús.

Para aqueles que dubiden desta Xunta Reitora que polo menos mira polo cartiño, aquí vos deixo a foto do tícket: