Premios 20Blogs

sábado, 8 de octubre de 2022

FILLOS DOS PARVOS

Os parvos non poideron ir á escola, moitos non remataron o graduado. Pero os fillos dos parvos foron. Houbo de todo, uns con boas notas, outros que ían indo e outros que, boeno, foron rematando o graduado e deixaron de estudar para dedicarse a traballar.

Os fillos dos parvos traballan. Todos. Os que remataron unha carreira, fóra da aldea, e os que non, pouco a pouco foron marchando porque as oportunidades na aldea son cada vez menos. Porque a maioría de seus pais traballaran para o rico, daquela tiña unha empresa que daba traballo á metade da aldea. Pero, os tempos cambiaron, a empresa pechou e aínda que se abriu outra, coa maquinaria moderna fan falla menos empregados, e xa non hai sitio para case ninguén.

O rico sempre foi rico. Primeiro porque facía diñeiro á esgalla e non sempre pagaba ben ou a tempo. Sempre roubou algo. Os ricos fanse máis ricos á costa dos pobres. E os pobres, meus parvos, pensaban que lle debían unha obriga moi grande. Se souperan. Pero moitos non saben. Non saben que despois de pechar a empresa lles seguiu rascando dun xeito ou doutro, primeiro unha sociedade, despois outra,... a excusa era facer o ben, pero o rico sempre quedaba con algo.

Ata que houbo parvos que espertaron e viron o que estaba a acontecer. Xa non eran tan parvos. E o rico empezou a ter problemas. ¡Ai, xa! Pero o rico ten amigos nas altas esferas, xente que lle axuda porque claro, está ben relacionado. E tampouco lle da vergoña usar malas artes porque ten unha cousa clara, quer seguir tendo coma antes, coma cando facían cartos a moreas. E si, parece que o tempo non cambiou e que todo é coma antes. Os parvos cada vez máis pobres, o rico, cada vez máis rico.

O que non sabe o rico é que á xata xa non lle queda moito leite porque levou todo canto podía levar. Os parvos que espertaron non llo van poñer tan fácil, pero malo será que non lle chegue mentras viva. O que non sabe é que mañá, cando o seu fillo pense en facer o mesmo e non teña de onde, ¿que fará? Os fillos dos parvos non son parvos. Todos tiveron que loitar e non lle deben ningunha obriga, queira Deus que o fillo do rico non teña falta porque se a ten, ¡meu pobre!, non terá portas onde chamar. 

O que pensa que hoxe o ten feito, non pensa que mañá as débedas voltan e quen as paga é o que vén. Chámase karma. Chegará tarde ou cedo, pero chegará. Os fillos dos parvos e non tan parvos, só temos que esperar un pouquiño máis, e cando chegue, por fin, saberemos que os nosos, os que loitaron, descansan en paz.

No hay comentarios:

Publicar un comentario